O prazo de admisión de fotografías rematará ás 23.59 h. do día 30 de abril de 2022.
A organización tomou a decisión de ampliar o prazo de inscrición ata 23.59 h. do día 13 de maio de 2022.
Como queira que o concurso leva acompañada a exposición e difusión do material que participe, haberá unha primeira selección, dun máximo de dez fotografías por categoría, para facilitar esas actividades accesorias.
Haberá catro categorías, INFANTIL-PRIMARIA, SECUNDARIA, BACHARELATO e FAMILIAS, e ofreceranse os seguintes premios:
Nas categorías de INFANTIL-PRIMARIA, SECUNDARIA E BACHARELATO:
1º Premio – Diploma, impresión da foto, e cheque agasallo de material escolar de 100 euros.
2º Premio – Diploma, impresión da foto, e cheque agasallo de material escolar de 75 euros.
3º Premio – Diploma, impresión da foto, e cheque agasallo de material escolar de 50 euros.
Na categoría de FAMILIAS poderán participar nais, pais, titores e titoras legais de alumnado de Ensino Público que así o desexen. Neste caso os premios non terán dotación económica, e entregaráselle soamente un Diploma e a copia impresa da súa fotografía.
As fotos seleccionadas dende a nº 4 ata a nº 10 en cadansúa categoría levarán como agasallo un libro en lingua galega (dun valor máximo de 25 euros) adaptado á idade da persoa participante.
Todas as participantes, en cadansúa categoría levarán como agasallo, xunto co Diploma de participación a impresión tamaño A4 da foto concursante.
Todas as impresións faranse en cartón-pluma, para facilitar a súa exposición.
O xurado estará composto por profesionais do mundo da fotografía, deseño, igualdade, docentes, … que escollerá a Directiva e a Comisión de Igualdade da FANPA COMPOSTELA. A resolución do concurso darase a coñecer directamente a todas as persoas participantes, nomeadamente a quen acade os premios, e informarase ás ANPAS federadas para que lle dean publicidade nos taboleiros dos seus centros uns días antes da entrega dos mesmos.
As persoas que formen parte do xurado, ou da Directiva da FANPA COMPOSTELA, así como as súas fillas e fillos poderán participar neste concurso, pero se resultasen gañadoras dalgún dos tres primeiros premios, non poderán percibir o seu importe económico.
A partir do mes de xuño do ano 2022 realizarase un acto de entrega de premios, se é posíbel, e ata a finalización do prazo de presentación da seguinte edición do Concurso, coas fotos seleccionadas faranse exposicións naqueles centros educativos nos que así o soliciten as súas anpas federadas.
Igualmente, as fotos seleccionadas incorporaranse á páxina web que a FANPA COMPOSTELA ten dedicada a este concurso.